Cada galego recicla 68 envases de vidro ao ano
As toneladas recollidas no 2018 equivalen a sete veces o peso da torre Eiffel
Os galegos reciclaron no 2018 48.308 toneladas de vidro. Isto tradúcese en que cada habitante levou ao colector adecuado case 18 quilos de envases de cristal, en concreto 17,9 ou, o que é o mesmo, unha media de 68 unidades. Os datos reflicten unha tendencia máis que positiva, xa que Galicia rexistra o segundo maior incremento de España, cun 11 % máis de toneladas que no 2017. Os datos foron presentados pola conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, e o xerente da zona Galicia-Asturias de Ecovidrio, Germán Fernández. A estas 48.000 toneladas súmanse outras 17.657 que non se tiraron no colector adecuado pero que se reciclaron as plantas de residuos urbanos.
Por provincias, A Coruña é a que rexistra a maior taxa de reutilización, mentres que Ourense ten a menor porcentaxe. Talvez os efectos da reciclaxe dos envases non se entendan sen exemplos claros como os que achegou Germán Fernández. O vidro recolleito en Galicia no 2018 é equivalente a sete veces o peso da Torre Eiffel, e evita a extracción de 79.158 toneladas de pedra calcaria. Ademais, e no que respecta á contaminación ambiental, esta reciclaxe evitou a emisión á atmosfera de 38.260 toneladas de CO2 ou, o que é o mesmo, o que gasta un avión en dar a volta ao mundo nove veces. Galicia mellora os seus índices de reciclaxe, pero aínda hai comunidades, como País Vasco ou A Rioxa, que lle levan a dianteira, con máis de 27 quilos por persoa. Segundo os datos achegados por Ecovidrio, en España xa se reciclan practicamente oito de cada dez envases. Pero para poder levar a cabo este proceso é necesario que os cidadáns teñan colectores accesibles nos que poder depositar o vidro que consumen. Galicia é a cuarta comunidade con maior proporción de iglús verdes por persoa, un por cada 169 veciños, cun total de 15.973 repartidos por toda a xeografía.
A hostalería é un dos sectores máis implicados nesta reciclaxe, e ao que Ecovidrio e a Consellería de Medio Ambiente destinan máis recursos. No 2018 visitáronse 1.014 establecementos e repartíronse 678 colectores específicos para estes locais.
Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, definiu estes resultados como «espectaculares», pero recordou que «aínda son mellorables». Unha das claves detrás destas cifras é a concienciación e a sensibilización, polo que a Xunta seguirá colaborando na posta en marcha de iniciativas como a campaña #Etidequenvessendo ou fomentando a reciclaxe en festas populares, eventos deportivos ou accións solidarias.
Vía: La Voz de Galicia
Voltar o listado