Aumenta ao 45% a porcentaxe de residuos que chega a Sogama por ferrocarril

Este incremento débese á incorporación da terminal de Lugo ao sistema loxístico. 


02b8ca256eed668da78f90eea2c5f54bf089c88c
Un 45% dos residuos que chegaron a Sogama en 2017 transportáronse por tren, segundo o balance de actividade industrial do complexo ambiental de Cerceda (A Coruña) do que foi informado recentemente o Consello da Xunta. A Consellería de Medio Ambiente presentou este informe, elaborado por Sogama, que explica que parte deste incremento débese á incorporación da terminal de Lugo ao sistema loxístico. 

Segundo destacou o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior á reunión semanal do Goberno, desde 2016 (data de inicio do novo contrato de transporte combinado de residuos) foise incrementando ata alcanzar ese 45%, fronte á 25% inicial. O obxectivo do Executivo autonómico neste ámbito é chegar ao 55% e avanzar ata conseguir que Sogama nos próximos 10 anos mova por ferrocarril 3.750.000 toneladas de lixo, o que supoñerá, segundo os seus datos, un aforro de 2.230 toneladas de emisións de dióxido de carbono e case de 800.000 litros de gasoil cada ano. 

O balance de Sogama recolle un lixeiro incremento da cantidade de residuos urbanos recepcionados nas instalacións de Sogama: 796.043 toneladas, un 0,7% máis que en 2016. O tratamento de residuos situouse en 579.586 toneladas, un 5,4% máis, co que supera a capacidade de tratamento do complexo, fixada en 550.000 toneladas por ano. 

Precisamente por iso, Rueda xustificou os plans de ampliar o complexo, cun custo de 275 millóns de euros, xunto cun período de 15 anos de explotación, para poder tratar un millón de toneladas (un 81% máis). "É dicir, Sogama estará en condicións de tratar a totalidade dos residuos urbanos producidos na comunidade galega", resaltou o vicepresidente.

Vía: Gestores de Residuos
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando