Os galegos depositaron máis de 320.000 quilos de residuos de medicamentos ao longo de 2018 para a súa reciclaxe

Grazas á rede de máis de 1.300 puntos Sigre a recollida deste tipo de residuos na Comunidade incrementouse en case un 14% respecto do anterior exercicio, 2017, no que se recolleron máis de 283.000 quilos

09b3b1b29bad94fd2a8757a29b7568192b3cce0b
O aumento rexistrado en Galicia supera en case 1,5 puntos á media nacional, que se sitúa nun 12,48% máis que no ano 2017

Afirma que a Xunta traballa nun novo marco normativo para mellorar a xestión e evitar a produción de residuos, como é a nova Lei de residuos e solos contaminados, a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía e a Estratexia Galega de Economía Circular

Recorda que Sigre leva 18 anos presente na Comunidade e destaca a “actitude tremendamente responsable”, xa que na xestión destes residuos non interveñen as administracións locais, senón que son os propios profesionais quen se ocupa dos mesmos

A Comunidade galega reciclou o pasado ano un total de 322.408 quilos de residuos médicos e produtos de farmacia. Os galegos depositaron a través dos máis de 1.300 puntos Sigre un 13,89% máis que en 2017, onde a reciclaxe de envases e restos de medicamentos e produtos de parafarmacia de orixe domiciliaria se situou nas 283.083 quilos.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá na rolda de prensa para informar dos resultados medio ambientais da reciclaxe de envases e residuos de medicamentos; onde estivo acompañada polo presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña (COFC), Héctor Castro, e do director xeral de Sigre, Juan Carlos Manpaso.

Vázquez Mejuto sinalou que os datos de Galicia son moi positivos comparados co resto de España, xa que a media por galego en 2018 foi de 119,28 gramos de envases baleiros ou con restos de medicamentos fronte aos 103,08 gramos por habitante da media nacional, supoñendo así un 15,72% máis. Engadiu que o incremento rexistrado en 2018 (13,89%) está case 1,5 puntos por enriba do incremento medio nacional, que se sitúa no 12,48%.

Defendeu que estes bos resultados son a mellor mostra para afirmar que o traballo que se está a levar a cabo con todos os axentes do sector farmacéutico (farmacias, colexios oficiais de farmacéuticos, distribución, laboratorios, Asociación Española de Medicamentos Xenéricos...) é o correcto para acadar os obxectivos principais e compartidos por todos, como é afianzar nos fogares o hábito de reciclar os medicamentos e de usalos con responsabilidade, para non xerar residuos innecesarios; e facer conciencia de que xestionar correctamente os medicamentos é bo, tanto para o medio ambiente como para a saúde pública, pois a reciclaxe é unha das formas máis efectivas que hai ao alcance de todos para loitar contra o cambio climático, destacou.

A conselleira de Medio Ambiente tamén defendeu que outra medida efectiva contra o cambio climático é aquela na que non se xera un residuo. Indicou que este principio inspirador estará presente no novo marco normativo co que contará Galicia que se baseará en tres instrumentos: a Lei de residuos e solos contaminados, que fomentará a prevención e a reutilización dos residuos e intensificará a loita contra os desperdicios alimentarios e os plástico; xunto coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e a Estratexia Galega de Economía Circular, que fomentará a eficiencia enerxética e a optimización dos recursos, así como a conversión dos residuos en novas materias primas co fin de prolongar o ciclo vital dos produtos.

Por último, a conselleira salientou a actitude tremendamente responsable do sector, xa que grazas á colaboración cos distintos axentes, ningunha entidade local ten que intervir na recollida e xestión dos residuos de medicamentos e dos seus envases; pois son os mesmos profesionais que comercializan os medicamentos os que se ocupan de xestionalos despois como residuos especiais. Tamén agradeceu a colaboración dos cidadáns, que ven no sistema Sigre, presente en Galicia desde hai máis de 18 anos, un sistema seguro para o tratamento destes residuos mediante a súa recollida, transporte, clasificación e tratamento por un xestor autorizado.

Vía: Xunta de Galicia
Voltar o listado

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia do usuario a través da sua navegación. Se continúas a navegar aceptas o seu uso. Política de cookies

Continuar navegando